As forzas de seguridade extremarán os controis na fin de semana para evitar botellóns


O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, presidiu a reunión da Sala de Control de Operativos (Sacop) na que participaron representantes das policías locais das principais cidades de Galicia, así como membros dos outros corpos de seguridade que actúan na comunidade, coa fin de coordinar os dispositivos que se van poñer en marcha esta fin de semana.

Santiago Villanueva agradeceu ás forzas de seguridade o reforzo da vixilancia, sobre todo nos lugares nos que habitualmente se celebran botellóns, xa que, como indicou ao remate da reunión, estas actuacións están a dar o seu froito cunha importante diminución de casos nos últimos días, coincidindo co incremento dos controis.

O director xeral de Emerxencias e Interior insistiu en que o botellón está prohibido, polo que cada participante pode ser sancionado con multas entre 200 e 300 euros. Villanueva apelou á responsabilidade da poboación para evitar que os contaxios pola covid sigan en aumento.