- As tradicionais misas dos días 1 e 2 de novembro non se celebrarán no cemiterio, senón na igrexa municipal, cun aforo limitado ao 50%
Axentes da Garda Civil e da Policía Local de Carballo colaborarán con Protección Civil da localidade para velar polo cumprimento das normas anticoronavirus nos cemiterios do municipio, con motivo do Día de Defuntos, para evitar aglomeracións. Así se decidiu na reunión celebrada este venres pola comisión de seguimento da evolución da Covid-19.
Ao protocolo elaborado nunha recente xuntanza entre concello, forzas de seguridade e o párroco de Carballo, hai que sumarlle as medidas de obrigado cumprimento establecidas posteriormente pola Xunta de Galicia e que engaden, ademais da redución do aforo, a limitación dos grupos de visitantes a un máximo de catro persoas e a diminución das estancias nos camposantos a un máximo de 30 minutos.
No cemiterio de Carballo, o único municipal, habilitarase unha porta de entrada e outra de saída que estarán debidamente sinalizadas, así coma os percorridos polo interior do recinto.
Desde o goberno local lembran ademais que as tradicionais misas dos días 1 e 2 de novembro non se celebrarán no cemiterio, senón na igrexa municipal, cun aforo limitado ao 50%. Os horarios serán os habituais: o día 1, ás 17.00 horas, e o día 2, ás 11.00 horas.
A comisión de seguimento volverá a reunirse o 16 de novembro, se non hai cambios.