As funerarias din que morreron 658 persoas máis por Covid-19 das que recoñece a Xunta

dpm.

A Asociación Española de Profesionais dos Servizos Funerarios (Aesprof) vén de facer público un informe que indica que en Galicia morreron 658 persoas máis a causa do coronavirus do que indica a Xunta.

Así, a asociación de funerarias revela unha diferencia de datos que xustifica alegando que nas primeiras fases da pandemia non se realizaban tests para comprobar se a persoa falecida padecía a COVID-19. Ademais, indican que o número que achegan “inclúe os falecidos en residencias de anciáns, domicilios e centros hospitalarios desde o 23 de marzo até o 23 de maio de 2020”.

O estudo da Aesprof cita outro papel elaborado polo Centro Nacional de Microbioloxía do Instituto de Saúde Carlos III no que se asevera que a COVID-19 “entraría ao país por até 15 vías distintas e xa se atopaba entre nós o 14 de febreiro”, polo que se laian das distintas concentracións de persoas celebradas desde esa data, apuntando especialmente ao encontro de Champions League entre o Valencia e o Atalanta en Bérgamo, que cualifican de “un dos detonantes da expansión do coronavirus”.

A nivel do Estado español, a Asociación Española de Profesionais dos Servizos Funerarios detectou até un 62% máis de mortes pola COVID-19 que as indicadas polo Goberno estatal, que se contabilizan en 43.985 persoas entre o 14 de marzo e o 25 de maio, 16.858 máis que as cifras oficiais, que se disparan especialmente na Comunidade de Madrid e en Cataluña, até case 50% máis.