As garderías e os centros de día de Galicia non abrirán ata setembro

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, durante a rolda de prensa posterior á reunión semanal do Consello da Xunta. San Caetano, Santiago de Compostela, 29/05/20.

  • A Xunta destinará un bono de 500 euros para aquelas persoas que precisen contratar a un coidador

O goberno galego tramitará un Bono coidado extraordinario para as familias que precisen conciliar e tamén para aqueles maiores e dependentes que ata o inicio da pandemia acudían a centros de día; todo isto debido ao peche das garderías e dos centros ocupacionais e de maiores ata o curso que vén, dada a imposibilidade de garantir a distancia física necesaria. Unha decisión adoptada despois de escoitar á comunidade médica e aos representantes dos centros de día e das escolas infantís, tanto públicas como privadas, e ás entidades de discapacidade.

Así o sinalou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa do Consello, onde tamén comunicou que estas medidas de conciliación contan cun investimento de 40 millóns de euros, e beneficiarán a catro grupos en concreto: as familias con nenos de ata 12 anos; os rapaces de entre 8 e 18 anos; as persoas maiores ou con discapacidade que eran usuarias dun centro de día ou ocupacional; e as empresas que xestionan escolas infantís, espazos infantís, ludotecas e centros de día privados.

Así, para as familias con nenos de ata 12 anos, Feijóo subliñou que o Bono coidado extraordinario para a infancia, dotado cun investimento total de 18 millóns, contará cunha axuda de 500 euros ao mes e estará vixente mentres estean pechados os centros, podéndose aplicar con efectos retroactivos desde a declaración da emerxencia sanitaria, o pasado 13 de marzo.

O presidente da Xunta avanzou tamén a reactivación dos campamentos de verán. “Entendemos que a mediados de xullo poderemos abrir eses albergues cunha serie de medidas e protocolos para intentar tamén a conciliación durante as vacacións a esas familias que teñan fillos de entre 8 e 18 anos“, explicou.

Atención a dependentes
Para as persoas maiores e con discapacidade que acudían a un centro de día ou ocupacional, Feijóo resaltou a posta á súa disposición dun Bono coidado extraordinario para a dependencia, cun investimento de 11 millóns de euros e dotado igualmente con 500 euros ao mes, para cubrir a atención que se contratase desde a declaración da emerxencia sanitaria ata que reabran os centros.

Así mesmo, e para aquelas persoas dependentes que necesiten de atención terapéutica, o titular da Xunta destacou a creación dunha liña de axudas específica dotada con 1 millón de euros, co obxectivo de colaborar no pagamento de sesións de terapias de estimulación e rehabilitación.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha