As Illas Atlánticas xa teñen unhas 400 reservas para a Semana Santa

1 minutes read

A próxima Semana Santa retomaranse as visitas ao Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Por este motivo, a Xunta reactivou o pasado 15 de marzo a plataforma telemática a través da cal se poden solicitar as preceptivas autorizacións de acceso a este espazo natural, un trámite que xa realizaron unhas 400 persoas.

Durante unha visita ás inmediacións de Cortegada, unha das illas que forman parte do Parque Nacional, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, avanzou os primeiros datos de reservas para a Semana Santa e aproveitou a ocasión para facer un chamamento ao “turismo responsable” que permita compatibilizar as actividades de ocio ao aire libre coa protección e conservación do patrimonio natural.

Cómpre lembrar que o límite de visitantes diarios establecido en tempada alta para cada unha das illas vén fixado polo Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Nacional, que entrou en vigor en febreiro do ano 2019. Deste xeito, a capacidade máxima de Cíes é de 1.800 persoas ao día e a de Ons sitúase en 1.300 persoas.