- O Concello xa reparou varias vías municipais como a rúa das Pías de Caión e tamén no lugar de O Campo, na parroquia de Torás
As intensas choivas e o forte vento do temporal que se deixou notar en Galicia durante os últimos días provocaron danos materiais de diversa consideración na rede viaria municipal da Laracha. A incidencia de maior magnitude foi un desprendemento de terra no Igrexario da parroquia de Lendo, que requirirá dunha intervención importante e que está a ser analizada por equipos técnicos. O alcalde, José Manuel López Varela, e o tenente alcalde, José Ramón Martínez Barbeito, desprazáronse ata a zona para coñecer o alcance dos danos. Tamén se produciu un desprendemento de terra máis leve no acceso ao núcleo urbano de Caión pola rúa das Pías, onde o Concello xa realizou as actuacións oportunas para a súa reparación.
No lugar de O Campo (parroquia de Torás) foi preciso facer a drenaxe da cuneta e a posterior limpeza da estrada que quedara anegada de auga, situación que tamén se produciu en determinados puntos da rede viaria próximos ao río Vilán ao seu paso pola parroquia de Cabovilaño. Ademais, a pasarela de madeira do paseo fluvial do Anllóns sufriu danos provocados pola caída de árbores.