Carpetazo ás medidas económicas propostas por Adiante Vimianzo por comprometer as arcas municipais

2 minutes read
  • O pleno extraordinario desbota a maneira de executar as axudas propostas por parte da oposición por consideralas prexudiciais para a economía municipal

O Concello de Vimianzo celebrou este xoves un novo Pleno extraordinario a petición de Adiante Vimianzo, xa que o partido de Manuel Antelo quería presentar as medidas para afrontar a crise económica no municipio, motivada pola pandemia do COVID-19. Sen embargo, estas medidas non se levarán a cabo debido a que, segundo a conclusión á que chegaron os diferentes grupos municipais no pleno, poden comprometer as arcas municipais.

Adiante Vimianzo propoñía comprometer un gasto de 500.000 euros en medidas que non se sustentaban nun estudo preceptivo, como se constatou no informe emitido pola Secretaría Municipal. Estas serían, entre outras, 80.000 euros para a compra de ordenadores e 60.000 euros para os máis de 800 autónomos que integran o tecido empresarial do concello.

“Tivémonos que acoller a un Plan Económico – Financeiro pola mala xestión do goberno anterior, e tivemos constancia da solicitude dun Pleno extraordinario para tratar estas medidas pola prensa, co conseguinte gasto que supón”, comentaba a alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, quen sinalaba que, seis días antes da celebración da sesión plenaria deste xoves, xa tivera lugar a ordinaria do mes de maio, na que non se trataron os temas «que tan urxentes parecen seis días despois».

A rexedora agradeceu as mostras de “responsabilidade política do grupo popular de Vimianzo para coa veciñanza” nunha intervención que iniciou coa valoración do plan no que o goberno local leva traballando desde hai case dous meses. “Desde o goberno local sempre estivemos dispostos a colaborar e a meditar, consensuadamente, as medidas a impulsar. Desde o primeiro minuto sempre foi así por parte do Partido Popular de Vimianzo. Por parte dos concelleiros e concelleiras de Adiante Vimianzo non obtiven ningunha chamada desde que comezou o estado de alarma”, sentenciaba Mónica Rodríguez.

Os gastos derivados deste Pleno extraordinaria foron doados integramente á Protección Civil.