As mulleres iranianas poden acceder por primeira vez a un campo de fútbol

PIXABAY

  • Puideron acceder ao estadio sen invitación, pero estaban separadas dos homes

Este xoves as mulleres iranianas puideron entrar nun estadio de fútbol para ver, neste caso, o partido Irán-Camboia, clasificatorio para o Mundial de Catar 2022. O partido tivo lugar no estadio Azadi de Teherán e as afortunadas estiveron vixiadas por 150 mulleres policía.

Desde hai moitos anos, as mulleres só podían entrar nun estadio de fútbol con invitación ou de modo clandestino. O feito que tivo lugar hoxe prodúcese despois de que as autoridades recibisen presión ao facerse pública a morte dunha moza que se prendeu lume ao decatarse de que podía ir ao cárcere durante seis meses por entrar nun campo de fútbol.

A Federación Internacional de Asociacións de Fútbol (FIFA), organizadora do Mundial, ameazara con suspender a Irán debido á súa controvertida política de prohibir a asistencia das mulleres aos partidos masculinos. A medida foi adoptada pouco despois da revolución de 1979 e, aínda que nunca se plasmou nunha lei ou norma escrita, aplicouse de forma estrita desde entón.

Sen dúbida foi un partido para a historia, por toda a connotación política e social que conleva. Con todo, algunhas activistas queixáronse de que só poideran comprar unhas 4.000 entradas dun total das 100.000 que dispón o estadio. Ademais, temen que este caso sexa unha excepción, unha concesión limitada ante as presións da FIFA.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha