‘As mulleres teñen a palabra’ | Acto en Carballo o 9 de marzo ao redor do 8M

As mulleres teñen a palabra este 9 de marzo en Carballo. Por segundo ano consecutivo, dada a excelente acollida que tivo a primeira edición, as concellarías de Innovación e Igualdade suman esforzos para que os actos conmemorativos do Día da Muller inclúan unha celebración na que terán cabida todos os membros da familia, porque mentres os adultos participan na mesa redonda preparada ou na sobremesa musical, a rapazada estará moi ben atendida polos monitores da área infantil que terán ao seu servizo con xogos, talleres, música e moita diversión.

O obxectivo desta xornada pioneira, coa que se avanza no camiño iniciado na I Feira do Día da Muller e a Nena na Ciencia, é amosarnos que na nosa contorna máis inmediata hai mulleres que son referentes nas súas profesións, e que, malia as dificultades, é posible traballar e triunfar en sectores masculinizados e, ademais, conciliar as vidas laboral e persoal.

Coñeceranse as experiencias e as opinións de catro carballesas con perfís moi diferentes pero que teñen en común, á parte das súas raíces, que todas teñen profesións ou ocupan postos desempeñados maioritariamente por homes.

SOBREMESA MUSICAL E LUDOTECA

Despois da mesa redonda celebrarase unha sobremesa musical, na que se servirá un aperitivo e na que se contará coa actuación do dúo Black Acoustic, que no seu espectáculo Voces de muller fai un percorrido polos grandes temas da música soul intepretados por mulleres como Aretha Franklin, Nina Simone ou Beyoncé.

Ademais, para facilitar a asistencia de toda a familia, dende as 19.00 ata as 22.00 horas funcionará un servizo de ludoteca onde a rapazada estará atendida por monitores e poderá participar en xogos cooperativos, deportivos e musicais, e talleres. Para os máis peques haberá un recuncho baby que inclúe zona de lectura, xogos populares e pinta e colorea.

Na inscrición para participar na xornada deberá indicarse o número de persoas asistentes e, no caso dos/as nenos/as, as súas idades.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha