‘As mulleres teñen a palabra’ | Iniciativa en Carballo para comezar cos actos do Día da Muller

As concellarías de Innovación e Igualdade suman esforzos para que os actos conmemorativos do Día da Muller comecen cunha celebración na que terán cabida todos os membros da familia, porque mentres os adultos participan nunha mesa redonda ou na sesión vermú, a rapazada estará ben atendida polos monitores da área infantil, con xogos, talleres, música e moita diversión.

O obxectivo desta xornada pioneira, que se celebra no camiño entre o Día da Nena e a Muller na Ciencia e o Día Internacional da Muller, é amosarnos que na nosa contorna máis inmediata hai mulleres que son referentes nas súas profesións, e que, malia as dificultades, é posible traballar e trunfar en sectores masculinizados e, ademais, conciliar as vidas laboral e persoal.

Coñeceremos as experiencias e as opinións de catro carballesas con perfís moi diferentes pero que teñen en común, á parte das súas raíces, que todas teñen responsabilidades en postos de ocupados maioritariamente por homes:

Verónica Bolón Canedo, enxeñeira en Informática, diplomada en Estudos Avanzados e Doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora titular do Departamento de Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información.

María Jesús Vilariño Díaz, Catú, como a coñece todo o mundo en Carballo. Actualmente é a xefa do parque comarcal de bombeiros de Carballo.

Patricia Iglesias Rey, exerce como letrada da Xunta de Galicia desde xaneiro 2005 en distintos postos de responsabilidade.

Mercedes Fraga Rey será a voz da empresa decana de Carballo, Herfraga, fundada en 1930 polo seu avó.

De presentar e moderar a mesa redonda encargarase outra muller, a regueifeira Lupe Blanco, que tamén foi pioneira.

A xornada comezará ás 12.00 e celebrarase na Escola de Hostalaría do Fórum Carballo. Debido a que a capacidade é limitada, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse enviando os seus datos ao correo electrónico comunicacion@carballo.gal.

Despois da mesa redonda celebrarase unha sesión vermú, na que se servirá un aperitivo e na que se contará coa actuación do dúo Black Acoustic, que no seu espectáculo Voces de muller fai un percorrido polos grandes temas da música soul intepretados por mulleres como Aretha Franklin, Nina Simone ou Beyoncé.

Na inscrición para participar na xornada deberá indicarse o número de persoas asistentes e, no caso dos/as nenos/as, as súas idades.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha