- O artesán carballés Manolo Eirín fixo unha recreación en cerámica dun plano de 1777 que se situará sobre o emprazamento das ruínas
As obras que se están realizando na contorna do balneario de Carballo son un exemplo de como intervencións de mellora e reivindicación da cultura e historia dun lugar poden ir da man. Ademais de renovar os servizos urbanísticos ou de mellorar a accesibilidade tamén se están rescatando as trazas das antigas termas romanas. Este último cometido é posible grazas ao proxecto realizado polo arquitecto Seixo Vázquez Fiz.
Así, no treito norte da rúa Baños Vellos instalarase unha fonte que formará parte da estratexia de recuperación da memoria do termalismo e, polo tanto, da auga. Ademais da fonte, o conxunto incluíra un canal aberto elevado que discorrerá en dirección sur, unha alberca na confluencia entre Baños Vellos e Ourense e unha peza escultórica asociada. Da creación da peza encargouse o artesán carballés Manolo Eirín, que recreou en cerámica o plano das ruínas do balneario romano realizado polo arquitecto compostelán Miguel Ferro Caaveiro durante a escavación do ano 1777 e que foi recollido por Gregorio Casado González e Rosa María Franco Maside, da Universidade de Santiago, na súa investigación O balneario romano de Carballo segundo as fontes do Arquivo do Areino de Galicia.
O alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Planificación e Estratexia Urbana, Milagros Lantes, e o arquitecto municipal, Alfredo Garrote, achegáronse ata o estudo de Manolo Eirín para ver o plano xa rematado. Despois de examinalo desprazáronse ata o lugar onde se vai colocar.
O proxecto que se está a materializar na zona dos Baños Vellos está supervisado por técnicos de Patrimonio Cultural, precisamente por localizarse no ámbito de protección das termas romanas de Carballo, definido no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM).
