A terminal contará con 20 dársenas de operación e con outras 20 de regulación no aparcadoiro, terá un total de 26.630 m², cun edificio de viaxeiros de 2.500 m² e un aparcadoiro de 325 prazas ao servizo dos viaxeiros e dos veciños da cidade.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salientou que a axilización dos trámites permitirá iniciar antes de que remate o verán as obras da nova estación de autobuses intermodal da Coruña, un gran centro de transporte público con case 40 millóns de euros de investimento.
Este martes foi asinado o contrato das obras de execución da terminal de autobuses, do aparcadoiro e dos elementos comúns da intermodal.
Este contrato vai permitir materializar un investimento de 37,8 M€ na cidade da Coruña para construír un gran centro de transporte público e levar a cabo unha importante intervención de integración e ordenación urbana.
Coa construción da nova estación de autobuses será posible facilitar o intercambio áxil e seguro entre os dous medios de transporte, autobús e tren, achegando a clave da intermodalidade.