O presidente executivo de Sogama, Javier Domínguez, e o alcalde da Lama, Jorge Canda, supervisaron as obras da nova planta de transferencia de residuos que substituirá á actual microplanta, operativa neste municipio pontevedrés desde hai anos. A previsión é que a futura instalación poida entrar en funcionamento no último trimestre deste ano.
Esta planta, que contará cunha capacidade de tratamento para máis de 5.000 toneladas anuais, levantarase no polígono industrial de Racela, nunha parcela de case 2.300 m2, e dará servizo tamén aos concellos pontevedreses de Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas.
A nave contará cun compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación de contedores —con capacidade para dous—, un aparcamento de contedores e unha depuradora de augas residuais. Así mesmo, autoabastecerase enerxeticamente con paneis solares, fomentando deste xeito as enerxías renovables.
A nova infraestrutura, cuxa obra foi adxudicada por un importe superior a 1,1 millóns de euros, permitirá transferir, ademais da bolsa negra e da bolsa amarela, a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón.