As obras da nova potabilizadora de Vigo comezarán en outubro

Abel Caballero, alcalde de Vigo.

O alcalde de Vigo anunciou en rolda de prensa que “a mediados de outubro” comezarán as obras de modernización da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de O Casal. O prazo de execución da obra é de 18 meses e o orzamento de 22.800.000 euros, con cargo á empresa concesionaria da auga en Vigo – Aqualia – dentro do Plan de Inversións asinado ata 2026.

Caballero fixo fincapé en que “a nova ETAP págalla integramente Aqualia sen subir nin un céntimo a factura da auga na cidade” e reprochou á Xunta de Galicia “que non pague o que lle corresponde”. O alcalde explicou que a ETAP do Casal aporta auga potable a Moaña, Cangas, zonas de Mos e Redondela e “a Xunta desenténdese aínda que potabilizadora é supramunicipal”. Concretamente, Caballero cifrou nun 16% a cantidade de auga que cede Vigo aos municipios aos que tamén subministra a potabilizadora da rúa Cantabria.

O rexedor puxo de manifesto que “non hai nada tan importante como a auga” e que coa nova ETAP “imos duplicar a capacidade de potabilización” e aseguro que “ Vigo vai estar preparada para ter auga potable os próximos cen anos”. O proxecto incrementa a capacidade da planta, pasando dos 900 litros de auga tratada por segundo a unha primeira fase de 1.500 e logo de 2.200 litros por segundo.

O fin desta remodelación da potabilizadora é incorporar as novas tecnoloxías, adaptala ao novo marco normativo e modernizala coas novas técnicas de potabilización da auga. Caballero afirmou que “en Vigo temos a mellor auga de España e coa nova ETAP será aínda mellor”.