- Na rúa Barcelona, que forma parte do mesmo proxecto, pavimentarán o carril de circulación
Este martes 12 de novembro comezan as obras no treito da rúa Luís Calvo comprendido entre a rotonda e a rúa Barcelona. Para causar as menores molestias posibles, os traballos realizaranse primeiro nun carril e despois no outro. Mañá quedará cortado o da dereita en dirección á rotonda. Por este motivo, os vehículos que circulen en dirección contraria serán desviados polas rúas Xestas, Fiúnchos e Nébedas, dende a cal volverán a incorporarse á Luís Calvo. O tráfico que se dirixa cara o centro seguirá utilizando a Luís Calvo polo carril habilitado a tal efecto.
Debido á alta densidade de circulación que soporta, na rúa Luís Calvo manteranse distintos niveis entre a calzada e as beirarrúas, que serán ampliadas en función do espazo dispoñible. A vía contará con dous carrís de circulación, e haberá aparcamentos en liña en dous treitos. O proxecto tamén inclúe a renovación dos servizos urbanísticos.
A actuación na Luís Calvo forma parte do proxecto da rúa Barcelona, na que tamén continúan os traballos. Nestes momentos están listas todas as canalizacións e as zonas peonís, practicamente rematadas, a falta das esquinas coa rúa Tarragona. A principal actuación pendente é a pavimentación do carril de circulación, que está á espera da mellora meteorolóxica. O axardinamento e a instalación de mobiliario urbano completarán a reforma.
O investimento da actuación acada os 363.399 euros.