A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, supervisou estas obras que está a acometer a Xunta para reforzar o sistema de abastecemento no municipio, onde o crecemento urbano e industrial apuntan cara a unha necesidade de contar con maiores garantías para o subministro de auga a medio prazo.
Vázquez Mourelle avanzou que as obras de abastecemento ao polígono de Morás acadan xa o 30% de execución e estarán rematadas no 1º trimestre de 2023 grazas a un investimento de 4,1 millóns de euros, que se desenvolve en colaboración co Concello de Arteixo. Tamén explicou que a construción da nova condución fai posible que o polígono se desenvolva con todas as garantías de abastecemento, tanto para as empresas como para o conxunto dos veciños do concello de Arteixo.
Esta intervención é froito dun convenio de colaboración polo que Augas de Galicia asume a execución desta actuación, mentres que o Concello de Arteixo achega o seu financiamento completo.
Trátase dun traballo conxunto para resolver o subministro de auga potable ao polígono de Morás, que se sitúa entre as parroquias de Santo Estevo e Santiago de Arteixo, escollendo como mellor alternativa o aproveitamento das infraestruturas das que dispón a empresa EMALCSA para o abastecemento de auga á comarca da Coruña desde Cecebre. O reforzo do abastecemento estase a realizar mediante a conexión da contorna do polígono de Vío, que á súa vez se alimenta do encoro de Cecebre.
O Concello de Arteixo colabora coa empresa EMALCSA na execución dunha primeira fase da actuación, independente do convenio asinado coa Xunta, consistente na instalación dun bombeo en Vío Baixo que impulse a auga cara a un novo depósito de 7000 m³ en Vío Alto, ademais da condución entre ambas as dúas instalacións.
Pola súa banda, a Xunta está a executar unha nova condución por gravidade desde unha arqueta do novo depósito de Vío Alto cara ao polígono de Morás.
Segundo explicou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade durante a visita ás obras, esta nova condución contará con dous puntos de subministro directo ao sistema municipal de abastecemento de Arteixo, un en Vilarrodís e outro á altura de Sabón, que conectará, tamén, co depósito xa existente no parque empresarial de Morás.
Para acadar ese dobre obxectivo de dotar de abastecemento o polígono de Morás e reforzar o sistema de Arteixo, colocaranse un total de 5.160 metros de tubaxe de fundición, dos cales xa están instalados preto de 2.200 metros.
A conselleira destacou que a planificación permite blindar as necesidades de abastecemento de auga en Arteixo e afrontar con maior tranquilidade o episodio de seca na área da Coruña.
Neste sentido, tamén citou o enchido do antigo lago de Meirama, que permite contar hoxe cunha gran reserva de auga á disposición de toda a comarca.