Carballo | As obras da rúa Tarragona entran na fase final

Obras na rúa Tarragona_Concello de Carballo

  • Hai unhas semanas tamén arrincaron as obras de mellora en Baños Vellos

O concelleiro de Mobilidade, Juan Seoane, fixo este mércores un percorrido polas rúas urbanas nas que continúa nestes momentos o proceso de mellora dos servizos e da accesibilidade que está acometendo o Concello de Carballo.

Na rúa Tarragona as obras están xa na súa fase final. Despois do derrubo parcial dunha edificación que estaba fóra de ordenación e que foi cedida pola propiedade, acometeuse a renovación ou instalacións dos servizos urbanísticos onde non os había, de xeito que a rúa está dotada agora de rede de abastecemento de auga, nova rede de saneamento, rede de pluviais, canalización para o futuro soterramento da rede eléctrica e redes de gas e telecomunicacións. Tamén están rematadas as beirarrúas e practicamente só quedan pendentes a pavimentación do carril de circulación, a plantación de árbores e a instalación de mobiliario urbano.

A actuación desenvólvese no treito da mencionada vía comprendido entre as veciñas rúas da Saúde e Barcelona, uns 31 metros de lonxitude. Os traballos son executados pola empresa Gestal y López cun orzamento de 58.869,19 euros

Por outra banda, tamén arrincaron os traballos na contorna do balneario. A empresa Excavaciones y Obras Candal continúa avanzando na reurbanización das rúas Ourense e Baños Vellos nas que, como no caso anterior, tamén se renovarán ou instalarán todos os servizos e se seguirá o modelo de plataforma única. O proxecto tamén prevé a plantación de arborado, e a instalación de mobiliario urbano e dunha fonte, no encontro das rúas, que será o elemento central dunha intervención artística para rememorar a historia termal do ámbito.

O plan director de mellora da contorna do balneario inclúe tamén a reurbanización da rúa Pontevedra, xa adxudicada e que se acometerá en breve, e das rúas Estrela, Lugo e Chile, que xa teñen orzamento e contrataranse nos vindeiros meses. O investimento total nese ámbito achégase aos 700.000 euros.