Así o salientou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, quen xunto co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, supervisou os traballos iniciados en xaneiro do pasado ano e que se atopan en plena execución. Nestes momentos están traballando 22 operarios e 11 máquinas nas obras, que consisten na duplicación de carrís ao longo de toda a avenida da Deputación, desde a glorieta de Sabón ata a intersección coa avenida da Enerxía e coa avenida da Ponte.
A titular de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor esta actuación no principal acceso a unha das áreas industriais máis potentes da área da Coruña e tamén de Galicia, lembrando que é froito da colaboración co Concello de Arteixo. O obxectivo, apuntou, é dotar o polígono das mellores comunicacións posibles e ofrecer solucións ás retencións que se producen en horas punta, coa entrada e saída dos traballadores.
Coa intervención dotarase este acceso ao polígono de 4 carrís de circulación en todo o trazado entre a intersección da avenida da Deputación coa avenida da Ponte e a glorieta elevada de Sabón na que, tamén se levan a cabo actuacións de conservación, co pintado das partes metálicas. Ademais na actuación desdóbranse os carrís, para garantir unha maior fluidez no tráfico, reordénanse as interseccións: habilitando 2 turboglorietas, nos cruces coas avenidas do Embalse e da Moda, que facilitarán as entradas e saídas na vía principal sen interferir o tráfico que circula de forma continua.
Ademais, grazas ás actuacións previstas para a mellora das beirarrúas e o axardinamento, a conselleira destacou que esta actuación transformará unha vía visualmente “dura” pola influencia industrial, nunha rúa humanizada, integrando os viarios na trama urbana e que poidan ser empregados polos veciños nos seus desprazamentos habituais a pé, tamén cara ás praias.
