
O vicepresidente primeiro da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Turismo, Alfonso Rueda, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisaron as obras de mellora que se están levando a cabo nesta contorna.
Un dos proxectos nos que se está a traballar é o da adecuación das entradas dos Camiños históricos a Compostela, sendo unha das actuacións máis importantes a da contorna do Monte do Gozo, que se estende ata a entrada da cidade polos Concheiros, un dos accesos mais simbólicos a Santiago.
Vázquez Mourelle concretou que xa se están a ultimar os traballos nesta zona do Tangueiro ata San Lázaro para acadar unha mellor integración do Camiño na trama viaria e urbana, transformando os espazos para facelos máis seguros e máis humanos.
Sinalou que as obras xa se atopan ao 92% da súa execución total, pois só restan traballos de aglomerado e pintura, a colocación da pedra da glorieta sobre a estrada SC-20, xardinería e pequenos detalles.