O consultorio médico de Caión reabrirá o luns, unha vez executados os traballos realizados nos últimos días no interior dese espazo que forma parte do Centro Sociocultural da Insua. As actuacións consistiron na instalación do novo sistema de calefacción, repintado das estancias interiores e dotación co novo equipamento, mellorando así as condicións en beneficio tanto do persoal sanitario como para as persoas usuarias.
O alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e a concelleira de Sanidade, Rocío López, comprobaron a evolución das obras durante a visita que realizaron ás instalacións co representante de Esqueiro S.L., empresa responsable da execución dos traballos.
Paralelamente á intervención no consultorio médico, continúan os traballos na fachada do edificio coa colocación do sistema de illamento térmico exterior (SATE), unha das principais actuacións previstas no proxecto centrado na mellora da eficiencia enerxética. Tamén se está actuando no interior da outra parte do inmoble que, ademais de manter espazos para o tecido asociativo e acoller actividades municipais, tamén será destinada a un novo uso de especial importancia para a comunidade educativa da localidade, xa que unha vez rematadas as obras a este edificio se trasladará o comedor escolar do CEIP de Caión. Para posibilitalo foi necesario habilitar un novo acceso pola parte posterior que permitirá a entrada directa desde o propio colexio, situado xusto a carón do Centro Sociocultural. O novo comedor ofrecerá un espazo máis amplo, cómodo e funcional para o alumnado usuario deste servizo.
Continuando coas obras previstas, ao longo da próxima semana comezará a fase consistente na renovación do tellado do edificio, completando así unha parte fundamental do proxecto. A intervención permitirá mellorar o illamento da cuberta e contribuír a unha maior estabilidade da temperatura no interior.
A previsión é que o conxunto dos traballos estea rematado a finais deste mes, permitindo poñer en servizo na súa totalidade un edificio renovado e adaptado aos diferentes usos que acolle.
Esta intervención suporá a mellora integral das condicións de confort, eficiencia enerxética e funcionalidade do Centro Sociocultural da Insua, ao tempo que permitirá optimizar o aproveitamento dos seus espazos para a prestación de servizos públicos.
A actuación é financiada entre o Concello e a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes ao abeiro da convocatoria de axudas para a realización de obras de eficiencia enerxética de edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais, cofinanciadas nun 60 % pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027.
