As obras en Sabón farán necesario un corte do tráfico na avenida da Ponte na fin de semana


A execución das obras de ampliación que se están a acometer na avenida da Deputación de Sabón, en Arteixo, farán necesario un corte do tráfico na avenida da Ponte durante esta fin de semana.
O corte comezará o sábado ás 8 horas e prolongarase ata as 20 horas do domingo, cando quedará restablecido o tráfico, evitando así a afección á circulación en días laborables.
Deste xeito, quedará restrinxido o tráfico da avenida da Ponte para acceder á avenida da Deputación, para o que se habilitará o correspondente desvío alternativo.
Para facilitar a mobilidade, este corte estará sinalizado con antelación, na avenida de Fisterra, na avenida da Enerxía e na avenida Deputación.
Este peche de circulación é necesario para avanzar nas obras de ampliación da capacidade e humanización da avenida da Deputación no polígono de Sabón.