As obras na Ponte Ceilán obrigarán ao corte dun carril entre o luns e o venres

1 minutes read

O avance na execución das obras de conservación da Ponte Ceilán, na estrada AC-550 ao paso polos concellos de Noia e de Outes, obrigará ao corte dun carril entre o luns e o venres desta vindeira semana.

A nova fase das obras comezará este luns coa demolición de parte da beirarrúa existente para a formación dunha gabia na que se executará a cimentación da nova varanda que se ten previsto instalar na ponte.

Deste xeito, procederase ao corte do carril do sentido Outes-Noia, no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 68+600 e 69+400. Para facilitar a mobilidade dos usuarios neste punto da estrada estará habilitado un carril de circulación, con regulación semafórica, polo que pasarán alternativamente os vehículos en ambos os sentidos.

En concreto, desde o día 21 ao día 24 o corte do tráfico será entre as 08:30 da mañá e as 20:00 da tarde; e o día 25, entre as 08:30 da mañá e as 13:00 do mediodía.

Así, durante esta vindeira semana os traballos que se van realizar na propia beirarrúa da Ponte Ceilán fan preciso ocupar o carril coa maquinaria de demolición e de carga de escombros. As tarefas inclúen o corte e demolición da capa superior de formigón da beirarrúa, a retirada dos escombros e da área situada baixo o formigón, ademais da posterior limpeza da gabia. Posteriormente, prepararase a superficie para construír unha viga de cimentación de formigón armado.