O grupo de pandereteiras As Xaviñanas, de Corcubión, vén de dar un novo paso adiante na súa traxectoria artística coa súa participación na gravación da banda sonora da película “Me has robado el corazón”, producida por Ficción Producciones e baseada nunha idea orixinal do pontevedrés Alberto Arruty.
A estrea do filme en Galiza, terá lugar este martes 9 de decembro, ás 19:00 horas, no Museo de Pontevedra.
A banda sonora está realizada pola compositora Zeltia Montes, gañadora dun Premio Goya en 2022 pola música de El buen patrón. Para esta nova longametraxe, Montes contou coa colaboración de As Xaviñanas para interpretar a canción orixinal composta especialmente para o filme, un dos temas musicais centrais da produción.
“Para nós é un enorme orgullo poder traballar con Zeltia. Foi unha experiencia inesquecíbel, moi positiva e tremendamente motivadora. Ademais, permitiunos facer algo distinto ao que estamos afeitas dentro da música tradicional, polo que aprendemos e gozamos enormemente do proceso”, explicaron as integrantes do grupo. Engadiron tamén que “a satisfacción de ver como o traballo de tantos anos, desde que comezamos de pequenas nas escolas de música da Universidade Popular de Corcubión, se ve agora reflectido en oportunidades e proxectos coma este”.
Neste 2024, ano dedicado ás cantareiras, As Xaviñanas participaron ademais no proxecto “Transmisión da lingua na poesía popular”, impulsado pola Universidade Popular en colaboración coa Deputación da Coruña, que as levou a actuar en distintos concellos da comarca. Este programa puxo en valor o saber popular transmitido oralmente e destacou o papel fundamental da muller na preservación da tradición, un legado que o grupo reivindica e continúa.
Ademais, o grupo atópase actualmente inmerso no proceso de gravación do seu primeiro disco, un proxecto co que buscan recoller parte do repertorio que levan anos traballando.
Formado por Uxía, Lena, Loaira e Candela, As Xaviñanas toman o seu nome das mulleres de Corcubión recollidas polo etnomusicólogo Alan Lomax nos anos 50, referentes na conservación e transmisión da música e poesía popular a través do canto e da pandeireta. Hoxe, as catro mozas continúan ese legado, adaptándoo e difundíndoo entre novos públicos.
Nos últimos anos, o grupo colleitou importantes recoñecementos en concursos de música e baile tradicional, como os premios de Xacarandaina e Xiradela. Ademais, participaron no vídeo promocional dos Concellos da Costa da Morte presentado en FITUR 2024 e colaboraron recentemente co grupo vigués Abril.
Coa súa participación en Me has robado el corazón, As Xaviñanas consolidan a súa presenza na escena musical galega e reafirman a importancia das novas xeracións na continuidade e renovación da tradición.