As parroquias de Loureda e Arteixo contarán cunha renovada rede de saneamento

Foto.- Cedida.

Na actualidade, a parroquia de Loureda conta cun colector xeral que recolle as augas residuais nos diferentes núcleos da mesma e conduce ata o bombeo do Rañal. Este, que discorre de forma paralela ao río de Arteixo, presenta un estado deficiente debido aos máis de 50 anos de antigüidade da rede e á mala execución de determinados puntos, como son as unións dos diferentes tramos, a pendente e os encontros cos pozos. Esta situación provoca importantes filtracións de auga, especialmente en época de choivas, o que afecta ao normal funcionamento do bombeo do Rañal, que ten que traballar cun caudal moi superior ao esperado.

Para dar solución á problemática substituirase o colector no tramo afectado, desde a DP-0508 en Ponte do Ba ata a travesía de Arteixo, por un novo en gravidade de 867 metros de lonxitude executado en tubaxe PVC corrugado. Este instalarase cun trazado variante baixo o carril bici do paseo fluvial de A Baiuca, alonxándose o máximo posible do río para poder manter en servizo a rede actual. Dentro das actuacións inclúese as conexións á rede existente e a reposición das zonas do carril bici e das beirarrúas que se vexan afectadas pola instalación.

As obras serán cofinanciadas pola Deputación da Coruña e o propio Concello de Arteixo.