O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aseverou hoxe que a Galicia da vindeira década será un lugar máis amable e integrador para todas as persoas con discapacidade: cunha sociedade civil cada vez máis concienciada, cunha rede de entidades viva e activa e cun Goberno galego que non debe dar nin un só paso atrás no seu compromiso pola plena inclusión. Cómpre salientar que o orzamento para 2020 da Xunta destinado á atención á discapacidade alcanza os 115 M€, o máis alto da historia de Galicia, e supón un 77% máis que en 2009.
Nesta mesma liña, recordou que este compromiso crecente por parte da sociedade galega non se restrinxe ao sector público, senón que tamén empapa a iniciativa privada, como proban os 40 millóns de euros que a Xunta destina anualmente a avanzar no emprego inclusivo.
“Nos últimos cinco anos, o número de persoas con discapacidade que están a traballar en Galicia creceu un 75%, cifra que contrasta co 22% de incremento da media nacional”, explicou, precisando que xa hai máis de 25.000 persoas con discapacidade que forman parte da poboación ocupada.