O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a presidenta da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec), Francisca Luego Milara, asinaron un convenio de colaboración, que ten por obxecto favorecer o acceso de persoas que padecen unha enfermidade rara a rehabilitación fisioterápica. Como consecuencia do convenio asinado, o Servizo Galego de Saúde comprométese a achegar a cantidade de 31.755 euros.
A prestación dos devanditos servizos levarase a cabo por parte de profesionais e clínicas que se atope o máis preto posible dos municipios onde viven as persoas usuarias, e con suficiente experiencia e formación na abordaxe das técnicas fisioterapéuticas neste tipo de doenzas.
Entre os obxectivos deste convenio tamén está dotar de información relacionada co ámbito da fisioterapia ás persoas que padecen unha enfermidade rara e ás súas familias sobre a patoloxía e os seus síntomas e técnicas para o seu tratamento; ademais de actuar na prevención de problemáticas afines, como alteracións circulatorias, complicacións respiratorias, alteracións muscoesqueléticas, etc. Tamén téntase acadar que os afectados logren, no posible, unha máxima capacidade funcional e independencia nas actividades da vida diaria.
As persoas ás que van dirixidas as actividades obxecto do convenio asinado deben ter diagnosticada ou estar pendentes dun diagnóstico de enfermidade rara, con dificultades susceptibles de mellorar mediante técnicas fisioterapéuticas específicas.