As persoas de 80 ou máis anos recibirán de xeito simultáneo as vacinas da gripe e da covid


Os centros de saúde de cada área sanitaria citarán -vía SMS- ás persoas de 80 ou máis anos para vacinarse. Así, no momento en que acudan a recibir a vacina de reforzo da covid-19, ofertaráselles de xeito simultáneo a vacina antigripal. Neste senso, ambas vacinas poderán administrarse nun mesmo acto, aínda que en lugares anatómicos diferentes.

Pola súa banda, as persoas con idades comprendidas entre os 70 e 79 anos, se así o desexan, terán a posibilidade de solicitar -polas vías habituais-, a súa cita para seren vacinados contra a gripe. No caso da vacina contra o coronavirus, unha vez transcorran os seis meses desde que recibiran a segunda das doses da covid-19, Sanidade convocaraas para recibir a terceira dose.