O director xeral de Emerxencias e Interior da Xunta de Galicia, Santiago Villanueva, foi recoñecido pola directiva da Asociación de Xefes de Corpo e Mandos de Policía Local de Galicia (Axempol) pola súa loita contra a pandemia e a súa colaboración cos corpos policiais municipais.
A directiva de Axempol, que fixo entrega a Villanueva da medalla Covid-19, quixo con este recoñecemento poñer en valor a súa coordinación entre todos os corpos de seguridade que velaron polo cumprimento das medidas decretadas por mor da pandemia e o seu labor ao fronte da Sala de Control de Operativos (Sacop), órgano específico creado para a coordinación dos corpos de seguridade, emerxencias e Protección Civil na loita contra o coronavirus.
Como indica a directiva da asociación que representa aos mandos das policías locais galegas, a traxectoria profesional de Santiago Villanueva leva tempo vinculada ás policías locais, tanto nas diferentes responsabilidades que asumiu ao longo da súa carreira profesional como nas súas funcións de máximo responsable da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), creada no ano 1992 para formar os membros das policías locais de Galicia e dos efectivos de emerxencias que operan na comunidade autónoma.