Unha delegación do BNG composta polo portavoz no Congreso, Néstor Rego, a deputada Noa Presas, o deputado Mon Fernández e a portavoz municipal nas Pontes, Silvia Pardo; reuniuse con representantes das empresas auxiliares de Endesa que reclaman solucións para a crise aberta polo anuncio de Endesa de cesar a actividade.
A delegación dos traballadores afirmou que as probas que se están a realizar con biocombustíbeis, á espera de que así o certifiquen os informes, son viábeis tanto do punto de vista técnico como ambiental e económico. Por iso entenden que a actividade da central debe continuar e reclaman que, en canto non haxa unha solución definitiva, se manteña a totalidade dos empregos.
O BNG ten rexistrado no Congreso unha Proposición Non de Lei pendente de debate na comisión de industria, comercio e turismo. Aliás, recentemente rexistrou unha nova PNL para impulsar con urxencia a constitución e convocatoria da Mesa das Auxiliares das Pontes e que se asuma o compromiso de manter o emprego dos máis de 200 traballadores e traballadoras da industria auxiliar.
Noa Presas e Mon Fernández anunciaron que reclamarán no Parlamento da Galiza a implicación activa da Xunta nunha solución de continuidade para a actividade económica das Pontes e especialmente para que se poida crear o solo industrial suficiente que permita a instalación de novas empresas e a creación de postos de traballo.