As praias carballesas renovan o certificado EMAS

1 minutes read

A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Xunta de Galicia vén de comunicar ao Concello de Carballo a renovación do certificado EMAS (Esquema Europeo de Ecoxestión e Auditoría) das praias de Razo, Saíñas-Baldaio e Pedra do Sal por un ano máis. Este distintivo, considerado o máis prestixioso da Unión Europea, implica, xunto co ISO 14001, un compromiso co desenvolvemento sostible do litoral carballés. A renovación do EMAS, xunto cos resultados das analíticas das augas de baño, que manteñen por terceiro ano consecutivo a cualificación de excelente, avalan “a boa xestión das praias”, como indicou o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Vales. A maiores, en materia medioambiental, este verán desenvolveuse un programa de actividades “para dar a coñecer o medio e poñer en valor o que temos” no que colaboraron as asociacións Senda Nova, Hábitat e Adega, e no que participaron máis de 500 persoas.