As praias de Camariñas encaran o verán con notas excelentes na calidade da auga

Praia de Arou_Concello de Camariñas

  • A de Camelle, baixo vixilancia sanitaria a pesar de non estar no censo oficial, tamén obtivo un bo resultado

Os areais da localidade de Camariñas xa se preparan para a temporada estival e fano coa mellor das novas: Areíña Branca, Area Longa, Arou, Lingunde, Lobeiras, O Ariño, O Lago e Camelle superaron os controis de calidade realizados pola a Consellería de Sanidade durante o 2021.

Todas as praias ofrecen unha calidade da auga excelente excepto a de Camelle, que é boa. Este último areal non está incluído aínda no censo oficial pero, debido aos bos resultados acumulados nos últimos anos, someteuse a vixilancia sanitaria durante o 2021 proxectando moi bos resultados, polo que desde o Concello agardan que «pronto pase a formar parte da lista oficial de zonas de baño de Galicia».

A alcaldesa, Sandra Ínsua, considera que «estes resultados, sumados á bandeira azul de Arou, demostran que en Camariñas temos moitas das mellores praias da comarca, da provincia e incluso de Galicia» e destaca que «as actuacións acometidas polo Concello nos últimos anos en Camelle están a reverter os malos episodios do pasado».

Area da Vila

O goberno local segue traballando para que Area da Vila, outra praia do municipio que se atopa fóra do censo, poida ser reincorporada. O pasado ano leváronse a cabo dúas melloras no saneamento para solucionar os vertidos ao mar que se estaban a producir e intentar así mellorar a calidade da súa auga. Agora enviarase toda a documentación necesaria á Consellería de Sanidade para que o areal urbano pase á mesma vixilancia na que se atopa agora mesmo Camelle.