As promesas da Xunta aos colexios médicos non deteñen o conflito sanitario e Primaria mantén a folga

Unha das moitas concentracións no Centro de Saúde de Carballo en demanda de melloras sanitarias.

“As protestas, a presión dos compañeiros de Atención Primaria, de profesionais sanitarios, a dimisión dos xefes de servizo da área de Vigo, a mobilización da cidadanía… Estamos convencidos de que todo ten influído para que o Sergas se comprometa agora a cousas que levamos pedindo desde hai anos”, asegura José Luis Jiménez, presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos. 
“Entre os profesionais hai desconfianza co Sergas e entre nós, tamén, porque hai moitas cousas que xa foron escritas antes e quedaron en nada”, explica. De feito, e malia estas últimas promesas do Sergas, a folga convocada pola Coordinadora Galega de Atención Primaria (CGAP) para os días 9, 10 e 11 de abril segue a acumular apoios en diferentes asembleas, tanto de sindicatos como de diferentes colectivos. E continúa adiante a pesar dun documento no que non se recoñecen a maioría, aínda que recoñezan “pequenos avances”, e que cren outra “táctica do Goberno galego para dividir e desmobilizar”.