- O Pentágono activa 1.100 soldados da Garda Nacional polos caos en Washington/
- Biden: “A nosa democracia está baixo un asalto sen precedentes”/
Os seguidores do presidente Donald Trump irromperon este mércores no Congreso de EE. UU. tras derrubar varios valos de seguridade e enfrontarse coa Policía, que se viu superada, provocando caóticas escenas na capital estadounidense. A alcaldesa Muriel Bowser declarou o toque de queda na cidade ante o caos xerado, con miles de manifestantes nas rúas de Washington. O Congreso atopábase reunido para validar os resultados das eleccións de novembro, nos que o demócrata Joe Biden resultou vencedor. Os seguidores do mandatario saínte encáranse cos axentes que conforman a barreira policial de seguridade e son repelidos con gases lacrimóxenos. Posteriormente, vense pelexas no interior do Congreso entre seguidores de Trump e policías. Algúns deles aproveitaron as estruturas despregadas para a toma de posesión do presidente electo, o demócrata Joe Biden, para escalar e achegarse á escalinata do Congreso e ao seu acceso. A marcha, baixo o nome de “Salvar a EE. UU.” comezou de maneira pacífica preto da Casa Branca. Trump dirixiuse aos manifestantes para prometer que “nunca” concedería a derrota e urxiu aos seus seguidores para marchar cara ao Congreso.
Biden: “A nosa democracia está baixo un asalto sen precedentes”
O presidente electo dos EUA, Joe Biden, dixo este mércores que a democracia do país “está baixo un asalto sen precedentes”, unha “insurrección” que “roza a sedición, e debe acabar agora”, despois da irrupción no Congreso de centos de seguidores do mandatario Donald Trump.
“A nosa democracia está baixo un asalto sen precedentes, isto é algo que non se parece a nada que vísemos nos tempos modernos. Un asalto ao alcázar da liberdade, o propio Capitolio”, dixo Biden nunha declaración á prensa desde Wilmington (Delaware).