Esta fin de semana, a través do proxecto Enredadasas, as artesás Rosa Rodríguez e Gloria Santos farán unha demostración do oficio da elaboración de redes e ofrecerán ademais un servizo de personalización de correas e de arneses. Esta colaboración é o resultado do último dos cursos de formación especializada dirixido ao colectivo de redeiras artesás galegas, “Integrando a artesanía no sector das mascotas”, que se desenvolveu no porto de Corme (Ponteceso) entre os meses de maio e xuño deste mesmo ano.
Os obxectivos do proxecto Enredadas son poñer en valor o traballo das redeiras artesás e do seu oficio, apoiando a diversificación da súa actividade profesional, mellorar a súa situación económica, fomentando a súa estabilidade laboral e incorporando novas redeiras ao sector. Búscase tamén fomentar a colaboración intersectorial que lle abra as portas ás redeiras dun mercado contemporáneo, introducir novos materiais e mellorar as técnicas e a calidade dos produtos elaborados. Enredadas contribúe a potenciar o valor social do oficio das redeiras, e aposta pola sustentabilidade e pola economía circular, ao tempo que apoia a comercialización dos novos produtos. Grazas a este proxecto, a Fundación Pública Artesanía de Galicia foi galardoada como exemplo de boas prácticas co Premio Promociona para Entidades Públicas na XI edición dos Premios Nacionais de Artesanía 2016.