A Federación Galega de Redeiras Artesás de Galicia O Peirao vén de amosar a súa indignación e estupor ante a resposta dada polo director xeral de Ordenación da Seguridade Social, Francisco Borja Suárez Corujo, que denega a posibilidade de iniciar o procedemento para tramitar o coeficiente redutor para este colectivo “ante a falta de indicios de elevados incrementos nas taxas de mortalidade ou morbilidade debidas á realización de dito traballo”.
Nunha resolución asinada o 22 de marzo, o director xeral de Ordenación da Seguridade Social desestima a solicitude presentada pola Federación Galega de Redeiras Artesás O Peirao en agosto de 2018 aducindo que esta Federación non é ademais unha entidade representativa dos intereses do colectivo de redeiras.
A xuízo da presidenta da Federación Galega de Redeiras, Verónica Veres, o documento da Seguridade Social adoece dun descoñecemento absoluto do colectivo de redeiras, integrado practicamente no 100% por mulleres que ven diminuída a súa capacidade para desenvolver a súa profesión ata os 67 anos, debido á dureza da mesma, polo que se fai precisa unha redución na idade de xubilación destas profesionais.
Verónica Veres lembra que as redeiras son o único subsector da pesca que aínda non ten recoñecido o coeficiente redutor e destaca ademais que esta circunstancia constitúe unha desigualdade de xénero con respecto a outros compañeiros que desenvolven as mesmas tarefas e que si teñen recoñecida esta diminución na idade de xubilación.
A resolución ditada pola Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social contradí ademais un informe de febreiro de 2014 do pleno do Parlamento Europeo que instaba á Comisión e ao Consello a que se impulsasen aos Estados membros para que aplicasen coeficientes redutores para anticipar a idade de xubilación.
Ademais, o propio Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación conclúe no estudo titulado Redeiras, un oficio descoñecido, que é preciso facilitar a redución da idade de xubilación entre as profesionais deste colectivo.
Condicións penosas
A presidenta da Federación Galega de Redeiras lamenta o descoñecemento total e absoluto por parte dos responsables de Seguridade Social que non saben que “traballamos con redes quilométricas molladas que supoñen pesos que multiplican varias veces o noso, e que estamos sometidas ás inclemencias do tempo, chovendo a veces en portos no inverno e soportando temperaturas moi elevadas no verán, o que está incidindo na aparición de enfermidades da pel coma o cancro de pel, iso sen esquecer a humidade continua e a insalubridade derivada dos traballos de reciclaxe que facemos, xa que se o mar é un depósito de lixo, as redes que se recollen veñen ateigadas de materiais en descomposición que provocan, entre outras doenzas, infeccións oculares e alerxias”.
Por todo isto, desde a Federación Galega de Redeiras convídase ao director xeral de Ordenación da Seguridade Social a que visite distintas localizacións onde traballan as redeiras para así coñecer in situ as condicións nas que desenvolven as súa profesión e anima a que desde a Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social se inicie de oficio o procedemento para o recoñecemento dos coeficientes redutores.
Os coeficientes redutores supoñen un adianto na idade de xubilación e benefícianse deles os traballadores da minería, aéreos, ferroviarios, artistas, profesionais taurinos, bombeiros, policías da Ertzaintza, policías locais e traballadores do sector da pesca. Concretamente, deste último, as redeiras son as únicas profesionais que aínda non contan cos coeficientes.