Despois de varios anos, nos que non era posible facer visitas escolares a museos, e tras a tímida recuperación do ano 2022, no presente ano, a actividade cultural e educativa do Ecomuseo Forno do Forte actívase con máis forza que nunca, superando as cifras previas á pandemia.
Ata o de agora pasaron polo Forno do Forte 38 visitas que supoñen máis de 1.700 escolares. Esta participación supera as maiores cifras de afluencia de escolares dende a apertura do Ecomuseo do Forno do Forte.
Os anos 2016 e 2017 foron ata o momento os anos con maior afluencia de centros escolares, no ano 2016 recibíronse 43 visitas de centros de ensino e no 2017, 38.
A falta de recibir as reservas dos meses de setembro, outubro, novembro e decembro, no ano 2023, xa se igualaron as visitas do ano 2017 e todo parece indicar que se superarán os mellores rexistros do ano 2016.
Respecto ao ano 2022 produciuse un incremento do 52%, porcentaxe similar ao incremento medio do turismo, que en España estímase entorno ao 50%. O ano 2022 supuxo unha recuperación notable na realización de actividades de ocio e educación non formal para os centros educativos, os datos que xa temos do ano 2023 supoñen a consolidación do Ecomuseo do Forno do Forte como unha das principais referencias da Costa da Morte en particular e de A Coruña en xeral.
No Ecomuseo do Forno do Forte ofértanse diferentes actividades para as visitas de centros de ensino:
Para os centros de ensino de primaria ofértase unha visita guiada e un obradoiro de modelado de barro, da que os participantes poden levar as pezas realizadas. Cada actividade ten unha duración de 45 minutos, 90 en total. E se poden atender visitas de ata 50 participantes que se distribúen en grupos de máximo 25 visitantes en cada unha das actividades.
Para os centros de secundaria, a visita guiada complementase cun bautismo no torno tradicional de Buño. Coa axuda do oleiro do Ecomuseo do Forno do Forte, os visitantes poden ser oleiro por un rato e realizan unha peza sinxela que poden quedar de recordo.
Ambas actividades son de balde, financiadas pola Deputación Provincial de A Coruña e o Concello de Malpica de Bergantiños.
Nos meses de xullo e agosto, darán continuidade ao achegamento das crianzas ao barro coa oferta de obradoiros de modelado do barro que se realizarán de martes a venres polas tardes de 16.30 a 18.30. Polas mañás, os maiores de 13 anos, poderán sentarse no torno e facer unha peza.
Ámbalas dúas actividades teñen unha forte demanda tanto de turistas, como dos distintos campamentos de verán que se organizan no Concello de Malpica e na Costa da Morte.