As rupturas matrimoniais en España diminúen máis dun 40% durante o confinamento

Imaxe dunha voda_PIXABAY

  • En Galicia presentáronse entre abril e xuño 872 demandas para finalizar a vida conxugal, fronte ás 1.471 do ano pasado

A crise sanitaria causada pola Covid-19 tamén tivo efecto nas rupturas matrimoniais no noso país. Segundo os datos ofrecidos este luns pola Sección de Estatística do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX), o número de demandas de disolución matrimonial -tanto separacións como divorcios- reduciuse nun 42,1 % respecto ao segundo trimestre de 2019.

Desde o CXPX indícase que todas todas as formas de disolución matrimonial acusaron unha diminución interanual superior ao 40%. As 9.552 demandas de divorcio consensuado son un 41,8 % menos que as presentadas no mesmo trimestre de 2019, mentres que as 6.264 demandas de divorcio non consensuado son un 42,4 % menos. Polo que respecta ás demandas de separación, as 446 demandas de separación consensuada representan un 46,4 % menos que un ano antes e as 214 non consensuadas, un 41,7 % menos que as presentadas o mesmo período de 2019.

Estes datos correspóndense cos meses nos que estivo vixente o estado de alarma, polo que diversos factores asociados ao mesmo causaron tamén un descenso da actividade xudicial.

Canarias, Murcia e Comunidade Valenciana, os territorios con máis divorcios O maior número de demandas de disolución por cada 10.000 habitantes deuse en Canarias, con 5,3. Xunto con Murcia, 54,2; a Comunidade Valenciana, 5; Cataluña, 4,9; Illas Baleares, 4,7; A Rioxa, 4,6; Andalucía, 4,5; e Cantabria, 4,4, todas elas superan a media nacional, que é de 4,3.

As máis baixas déronse en Madrid, con 3,4 demandas de disolución matrimonial por cada 10.000 habitantes; Castela e León, 3,7; Aragón e Galicia, 3,8; e Estremadura e País Vasco, 3,9.

Nos xulgados da comunidade galega presentáronse entre abril e xuño 872 demandas para finalizar a vida conxugal, fronte ás 1.471 do ano pasado, o que significa un descenso do 40, 7%.