As Somozas ten a posibilidade de especializar o seu polígono en actividades no eido dos residuos


A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e o Concello das Somozas (A Coruña) estudarán a posibilidade de orientar o polígono industrial localizado neste municipio a albergar actividades e novos proxectos empresariais vencellados ao sector da xestión e tratamento dos residuos co obxectivo de buscar unha certa especialización cara a este tipo de actividades.

Esta foi unha das conclusións da reunión por videoconferencia que mantiveron a conselleira Ángeles Vázquez e o rexedor Juan Alonso Tembrás, que coincidiron na conveniencia de aproveitar a capacidade actual deste polígono, con amplos espazos aínda sen adxudicar, para atraer iniciativas empresariais de nova implantación.

Neste sentido, cómpre precisar que na actualidade As Somozas ten capacidade para albergar novas empresas relacionadas coas distintas fases da cadea de residuos e que se poderían beneficiar tamén dos fondos europeos dispoñibles para proxectos que busquen cumprir cos obxectivos das directivas comunitarias na materia.

Ao respecto, a conselleira de Medio Ambiente considerou que a especialización do polígono das Somozas cara a un sector concreto e con potencial de futuro coma este pode supoñer unha boa oportunidade para atraer empresas a esta zona e crear postos de traballos.

Ademais, a proposta vai na liña marcada pola propia Estratexia Galega de Economía Circular 2020-2030, aprobada a finais de 2019 como a folla de ruta a seguir para superar o vello modelo lineal baseado en extraer, usar e tirar ao tempo que se crean novos modelos de negocio, ou pola recentemente aprobada Lei de residuos e solos contaminados, coa que Galicia aspira a consolidar a súa posición entre as rexións máis avanzadas de Europa en xestión sostible dos residuos e aposta pola creación de emprego verde.