- O Concello comunicou este mércores un lixeiro cambio de horario da actuación, que se desenvolverá na Casa da Cultura
O trío Tanxugueiras dará un concerto este luns na Casa da Cultura de Vimianzo. Unha actuación organizada polo Concello con motivo do Día das Letras Galegas. Previsto nun principio para as 21.30 horas, desde o goberno local comunican que o inicio da actuación retrasarase ata as 22.00 horas coa apertura de portas ás 20.30 horas.
Sabela e Olaia Maneiro xunto con Aida Tarrío recollen o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron por manter viva a música tradicional galega, para revisionalo e lanzalo novamente ó mundo nunha explosión de modernidade, contando cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.
A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, comentou que «non queremos que isto sexa só un concerto; é a primeira data de Tanxugueiras na Costa da Morte e queremos que a súa forza traspase, como ben din elas, fronteiras».
As Tanxugueiras, no San Xoán de Carballo
A segunda parada na Costa da Morte para esta formación pasa por Carballo. Tanxugueiras actuará polas Festas de San Xoán de Carballo, en concreto o día 24, na Praza do Concello. Trátase do único concerto gratuíto que darán na provincia da Coruña durante o mes de xuño.