- As solicitudes poderán presentarse do 15 de setembro ao 15 de novembro, e o prazo para consumir o crédito das tarxetas rematará o 30 de novembro
No pleno ordinario celebrado este luns pola Xunta de Goberno Local de Carballo aprobáronse as bases polas que se rexerá a concesión das tarxetas “Sempre Carballo”, coas o concello quere contribuír á reactivación da economía local a través de subvencións directas a todas as persoas maiores de 18 anos empadroadas no municipio a data 31 de xullo deste ano. Finalmente, co obxectivo de facilitar a xestión e os trámites, o Concello outorgará unha axuda universal de 30 euros, eliminando a achega complementaria por parte dos/as solicitantes que estaba prevista inicialmente.
As solicitudes poderán presentarse dende o 15 de setembro ata o 15 de novembro, e o prazo para consumir o crédito das tarxetas rematará o 30 de novembro, para non interferir na campaña de Nadal, como solicitou o comercio local. O trámite deberá realizarse a través da web www.semprecarballo.gal.
As tarxetas poderán utilizarse para realizar compras ou pagos nos establecementos adheridos. Precisamente, na Xunta de Goberno Local de onte tamén se aprobou a apertura dun novo prazo, do 1 ao 10 de setembro, para as empresas que queiran sumarse. As solicitudes de adhesión realizaranse a través da web específica da campaña.
O Concello de Carballo destina a este programa un total de 700.000 euros co obxectivo de reforzar os sectores económicos máis afectados pola COVID-19, utilizando unha fórmula que foi consensuada co movemento asociativo empresarial por considerar que é a que mellor pode incidir na reactivación da economía local e a que maior efecto multiplicador pode ter.