As Torres do Allo acollerán este venres a proxección do documental ‘A Costa e os castelos’

2 minutes read

A cita terá lugar a partir das 20:30 horas, nun enclave emblemático que conecta directamente coa temática do propio documental, centrado en castelos, torres e pazos do territorio. A proxección será de acceso libre ata completar aforo.

Dirixido por Alejandro Gándara Porteiro, quen asina tamén a produción, o guión e a montaxe, o documental ofrece unha mirada que combina o rigor da investigación histórica cun enfoque contemporáneo sobre a relación da sociedade co patrimonio. Ademais, o director vén de ser recoñecido co premio Mestre Mateo ao mellor documental pola súa obra “360 curvas”.

‘A Costa e os castelos’, realizado en 2026, é un documental de 30 minutos de duración que destaca pola súa coidada factura técnica e narrativa. O proxecto foi premiado no III Certame ‘Fondo de proxectos culturais Reino de Galicia’ da Deputación da Coruña, o que avala o seu valor cultural e divulgativo.

O documental propón unha viaxe pola Costa da Morte a través dos seus castelos, torres e pazos, explorando o pasado e o presente destes lugares para compoñer un relato que combina a investigación histórica cunha ollada curiosa cara á nosa relación co patrimonio.

O alcalde de Zas, Manuel Muíño, destacou a importancia de acoller este tipo de iniciativas culturais no municipio, sinalando que “para nós é unha satisfacción que Zas sexa punto de encontro para proxectos que poñen en valor o noso patrimonio. As Torres do Allo son o escenario perfecto para unha proposta como esta, que axuda a coñecer mellor a nosa historia e a reflexionar sobre a súa conservación”.

Na mesma liña, Muíño subliñou tamén o compromiso do Concello coa cultura, afirmando que “seguiremos apostando por actividades que acheguen a cultura á veciñanza e que reforcen a identidade do noso territorio, especialmente aquelas que, como este documental, miran cara á Costa da Morte desde unha perspectiva rigorosa e atractiva”.