As traballadoras das escolas infantís van de novo á folga

2 minutes read

As traballadoras das escolas infantís de 0 a 3 anos levan meses mobilizadas en defensa dunha mellora no seu convenio colectivo. Trátase de dúas mil mestras (a inmensa maioría son mulleres), tanto de escolas privadas como de xestión indirecta que traballan nun dos sectores máis precarizados, con soldos que en moitos casos non superan o Salario Mínimo Interprofesional. As catro xornadas de folga que tiveron lugar entre outubro e novembro continúan este martes cun novo paro, convocado por CIG-Ensino, CCOO Ensino, UGT e SNEP.

As catro centrais denuncian o “inmobilismo das patronais” na negociación do XIII Convenio Colectivo de centros de educación infantil. Neste senso CCOO sinala que as empresas deixaron claro que non teñen “vontade de chegar a ningún acordo que lles permita ás traballadoras recuperar o poder adquisitivo perdido e obter uns salarios dignos e xustos”, acordes á responsabilidade do labor educativo.

En Galicia hai máis de 200 escolas reguladas por este convenio colectivo, de ámbito estatal, cuxas táboas salariais, conxeladas dende 2021, xa se atopan por debaixo do salario mínimo na maioría das categorías. “As patronais néganse a asumir melloras laborais (propoñendo incluso retrocesos nalgunhas materias), e incrementos que permitan recuperar o poder adquisitivo e garantir uns soldos dignos e xustos para o persoal”, sinala a CIG, que alerta de que “desde o inicio das negociacións en 2022, as propostas salariais e as condicións laborais en cada nova reunión foron diminuíndo”.

Este sábado as traballadoras levaron a cabo unha nova manifestación, desta volta en Santiago de Compostela, na que participaron centos de persoas. Na marcha, que transcorreu desde a Alameda ata a praza de Praterías, con parada fronte á sede da Confederación de Empresarios, na Rúa do Vilar, tiveron un protagonismo relevante os cartaces e as faixas nas que se podían ler reivindicacións como: “Convenio xusto, salarios dignos”; “Non coidamos, educamos”; “Se sobe o IPC, os salarios tamén” ou “A miña vocación non paga facturas”. Ao remate da marcha, as delegadas sindicais de todos os sindicatos con representación no sector leron un manifesto no que instaron ás patronais a acceder ás súas demandas xa que, do contrario, continuarán coas mobilizacións.

Estás seguro de que quieres desbloquear este artículo?
Desbloquear izquierda : 0
Estás seguro de que quieres cancelar la suscripción?