As traballadoras do SAF de Carballo exixen a suba salarial que estabelece o convenio

1 minutes read

As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar de Carballo mobilizáronse na mañá deste xoves para exixirlle á empresa adxudicataria, FEPAS, que de inmediato aplique a suba salarial correspondente ao IPC real, tal e como estabelece o convenio colectivo. O persoal realizou unha marcha polas rúas da vila que saíu por volta das 11 horas das oficinas da empresa (situadas na rúa Perú) e rematou na Praza do Concello. Cómpre lembrar que Fundación para el estudio y la promoción de la acción social (FEPAS) entrou no SAF de Carballo en xaneiro deste ano cun contrato polo que recibirá 1,8 millóns de euros ao ano. A empresa comezou a prestar os servizos aplicándolle ao persoal as táboas salariais correspondentes a 2022. Mais unha vez coñecido o IPC final de 2022, a empresa tería que proceder a actualizar os salarios un 5,7% (IPC real), tal e como estabelece o artigo 9 do convenio colectivo.