As travesías urbanas da Laracha manterán o límite de velocidade en 50 km/h

DGT

  • No resto das estradas das vilas da Laracha, Paiosaco e Caión só se poderá circular a 30 ou 20 km/h.

Este martes entraron en vigor as novas limitacións de velocidade nos núcleos urbanos establecidas pola Dirección General de Tráfico no marco da iniciativa “Cidades 30”. Os tres núcleos urbanos do Concello da Laracha están afectados por esta normativa, así que por norma xeral xa son de aplicación os límites de 30 km/h nas vías dun só carril por sentido e de 20 km/h nas vías de plataforma única (aquelas que non presentan diferenza de altura entre a zona de circulación e a beirarrúa).

Son excepcións na aplicación da normativa as vías consideradas como travesías urbanas, nas que o límite de velocidade continuará sendo de 50 km/h. As estradas que cumpren esa característica dentro do núcleo urbano da Laracha son a Avenida Fisterra e Doutor López Astray, a Avenida de Caión e a rúa Santa Lucía.

Na zona urbana de Paiosaco, a Avenida de Bergantiños e as rúas Porta Santa e Eduardo Pondal continuarán cunha velocidade máxima de 50 km/h, ao igual ca Avenida da Laracha en Caión.