As tres rexedoras da Costa da Morte, presentes no I Encontro de Alcaldesas

I Encontro de Alcaldesas celebrado na Coruña_Cedida

  • Desenvolveuse este xoves na cidade da Coruña, e ao mesmo acudiron rexedoras de varias partes de Galicia e España

Este xoves a rexedora de Camariñas, Sandra Ínsua; a de Vimianzo, Mónica Rodríguez, e a de Cee, Margarita Lamela, participaron no I Encontro de Alcaldesas El poder de hacer las cosas bien que se desenvolveu na cidade da Coruña.

Ínsua destacou que foi un «orgullo» estar nese acto e que deberían de participar en máis eventos similares. Tamén fixo fincapé en que tanto ela como as súas compañeiras «vivimos momentos moi duros, pero é reconfortante poder estar hoxe aquí».

Pola súa parte, Mónica Rodríguez quixo agradecer á alcaldesa da Coruña, Inés Rey, «ter promovido un acto destas características» e afirmou que a pesar de que «as mulleres aínda que temos moito traballo por diante, a base está aquí, hoxe».

A rexedora de Cee, Margarita Lamela, tamén destacou a importancia dun acto ao que acudiron varias homólogas do país e resaltou que «hai unha porcentaxe moi baixa de alcaldesas en España, e tamén en Galicia, e temos que ser conscientes da importancia do paso que estamos dando de cara a outras mulleres».