A pandemia amosou que o sistema de boxes abertos nas UCIS non resultaba operativo porque os pacientes corrían o risco de infectarse, o que obrigou, nos meses peores do coronavirus, a deixar inutilizadas camas para garantir as distancias de seguridade. Para evitar no futuro ese tipo de situacións, a Xunta está a implantar un novo sistema, seguindo unha política de humanización que, na práctica, consiste na transformación dos boxes en cubículos individualizados que, ademais de previr calquera tipo de infección, garanten a intimidade do paciente á vez que eliminan a contaminación ambiental e luminosa.
O novo modelo xa é unha realidade no Hospital Clínico de Santiago, no que se investiron 1,1 millóns de euros, o que permitiu que o número de boxes individualizados pasara de 2 a 10. Elimínase así a configuración aberta que se dá na metade das UCIS españolas, que é un modelo a superar, para acadar un sistema máis moderno, confortable, seguro e operativo.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou que as UCIS dos hospitais galegos incrementarán estos boxes individualizados para garantir a seguridade e a intimidade dos pacientes.