As universidades galegas non retomarán as clases presenciais durante este curso

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, reunida cos reitores das tres universidades galegas_Xunta de Galicia

  • A Consellería enviaralles ás universidades unhas instrucións comúns para asegurar a calidade do ensino a distancia e a equidade entre o alumnado

A consellería de Educación mantivo este luns unha videoconferencia cos reitores das tres universidades galegas para manter o calendario académico sen retomar as clases presenciais neste curso 2019/2020.

Esta decisión tómase tras confirmar o Goberno central que o Estado de Alarma se vai prorrogar ata o 26 de abril e que aínda podería alongarse máis. En calquera caso, a conselleira de Educación, Carmen Pomar, informou aos tres reitores de que desde a Secretaría Xeral de Universidades se lles enviarán unhas instrucións comúns para asegurar a calidade do ensino virtual. Así mesmo, acordouse xuntarse novamente a finais de abril para definir tanto o calendario como o modelo de avaliación, en función da evolución da alerta sanitaria. O obxectivo é consensuar unhas condicións comúns que aseguren a equidade de todo o alumnado galego, independentemente da universidade na que curse os seus estudos.

ABAU extraordinaria
Por outra banda, a conselleira informou aos reitores da ampliación das datas para a proba extraordinaria da ABAU ata o 17 de setembro, despois de que Galicia e outras CCAA o solicitasen na última Comisión Delegada de Política Universitaria.

Con este novo calendario, a conselleira reuniuse tamén esta mañá con membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG, con representación das tres universidades) para fixar as datas da ABAU extraordinaria, que en Galicia se celebrará os días 15, 16 e 17 de setembro.