Os universitarios regresan á clase o luns; e este venres, tres días antes, abriuse oficialmente o curso universitario en Galicia. Durante o acto, o presidente da Xunta tendeulles a man ás tres universidades galegas para avanzar na colaboración. Alfonso Rueda tamén defendeu un pacto co Goberno central para destinar o un por cento do produto interior bruto a financiar a educación universitaria pública.
Pola súa parte as tres universidades públicas de Galicia avogaron pola internacionalización do alumnado para contrarrestar o descenso demográfico e por acertar coa substitución xeracional do profesorado que deben afrontar, á vez que apelaron tamén a un pacto entre o Goberno central e as autonomías sobre o financiamento destas institucións educativas.
Así o defendeu o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, xunto aos de Santiago de Compostela e A Coruña, nese acto de apertura de curso que se celebrou no salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do campus vigués. Personalidades do mundo académico, social e político encontráronse no evento, entre eles, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero.