As universidades poderán rematar o curso mediante clases en liña


O Goberno deixou en mans da autonomía universitaria a decisión de terminar as clases en liña e como facer os exames, mesmo se se levanta o estado de alarma pola crise do coronavirus, e permítelles tamén elixir se as prácticas pasan ao curso seguinte ou aos meses de verán. “As decisións últimas sobre a adaptación do ensino universitario ás condicións de emerxencia sanitaria en que nos atopamos corresponden ás universidades no exercicio da súa autonomía”, en colaboración coa súa comunidade, aínda que calquera decisión “debe respectar” as medidas sanitarias decididas polo Goberno.

Así se estableceu este xoves na Conferencia Xeral de Política Universitaria, á que asistiron de forma telemática o ministro de Universidades, Manuel Castells, e as comunidades autónomas, despois de que o curso presencial estea parado desde o pasado 14 de marzo, cando se decretou o estado de alarma. A Universidade de Barcelona, a Universidade de Cantabria, a Universidade Navarra e todas as universidades públicas andaluzas foron as primeiras en anunciar esta semana que terminarían o curso sen clases presenciais e de forma virtual. Con todo, o Goberno Vasco rexeitou de maneira “frontal” dar por terminadas as clases presenciais deste curso na universidade, facer unha “quita” do 50 % nas prácticas universitarias e unificar o final do curso en todos os centros.