A Virxe do Carme, patroa dos mariñeiros, volveu saír ao mar, despois de dous anos, a ombreiros daqueles que se consagran a ela antes de cada marea. A Salve Mariñeira acompañou as procesións por terra e auga, e en Camariñas os danzantes, representaron a súa homenaxe particular á patroa debaixo dos arcos engalanados e atravesaron a ría ata Muxía como mostra dunha rivalidade festeira que se repetirá nunhas semanas en rumbo contrario. Tampouco faltaron na xornada deste sábado as ofrendas florais nas rías. Os barcos en roda deixan no mar as rosas polos que perderon a vida nel, mentres as buguinas fan estremecer co seu estrondo as augas nas que traballan cada día.
En Corme, celebrouse cun acto de gran devoción o día da patroa de todos os mariñeiros e mariñeiras á Virxe do Carme. A procesión marítima estivo moi concorrida e tivo un especial homenaxe diante da confraría non Barco de Mourelle. Despois da misa, celebrouse a tradicional procesión marítima. Policía Local e Protección Civil de Ponteceso estiveron colaborando en todo momento coa Confraría organizadora dos festexos.